Vida
O pianista e compositor Marcial del Adalid (A Coruña, 1826 – Lóngora, Oleiros, 1881) é un dos creadores máis relevantes da música galega e española do seu tempo. Dende moi novo tipo acceso a unha educación que o levou a completar a súa formación en diversos países europeos.
É autor de preto de 300 obras coñecidas, a meirande parte delas publicada no s. XIX, que lle reportaron o recoñecemento dos intelectuais coetáneos, da crítica e do público. O groso da súa produción son composicións para piano só e voz solista con acompañamento pianístico herdeiras do estilo romántico centroeuropeo que imperaba naquel momento, pero tamén cultivou a música de cámara, de orquestra e escénica, entre outros xéneros, e sobresaíu por ser pioneiro na procura do son da galeguidade dende a música académica en pleno Rexurdimento.
A práctica totalidade da súa creación, tanto manuscritos como obra impresa, consérvase na Real Academia Galega por doazón da súa única filla, a pintora María del Adalid (Madrid, 1874- A Corula, 1930), que legou tamén á institución a riquísima biblioteca de medicina e música que a familia do compositor foi facendo medrar dende o s. XVIII. Moitos dos volumes que a conforman, con dedicatorias e outras anotacións, dan conta da extensa rede de amizades que Marcial del Adalid teceu con músicos de primeira orde do conxunto do Estado e doutros países. Canto ás súas propias obras, estas foron ordenadas tras o seu pasamento por Pascual Veiga, compositor do Himno galego, a pedimento da súa viúva, Fanny Garrido, escritora, membro correspondente da RAG e colaboradora literaria nalgunhas das súas obras máis senlleiras, como os cantares galegos.
O conxunto bibliográfico e arquivístico de Marcial del Adalid converten a Real Academia Galega no centro máis relevante para os estudos sobre o autor, que malia a pegada que deixou na historia da música do país segue a ser en parte un gran descoñecido. Alén disto, a RAG é a conservadora tamén dunha singular xoia da bibliografía musical europea que inclúe moreas de primeiras edicións e exemplares raros, en ocasións únicos, de grandes creadores do s. XIX.
O perfil biográfico que se ofrece deseguido é unha síntese do recollido en Marcial del Adalid, o seu legado na Real Academia Galega, volume da investigadora Laura Touriñán publicado nos Anexos BRAG (2023) e dispoñible en edición dixital neste mesmo portal.
Infancia e primeira mocidade
Marcial del Adalid naceu o 24 de agosto de 1826 no seo dunha familia da alta burguesía empresarial da Coruña con raíces rioxanas que contaba, entre outros negocios, cunha fábrica de vidro. O cativo, terceiro dos cinco fillos do matrimonio formado por Francisco Pedro Bruno del Adalid y Loredo e Josefa Eufemia Gurrea Carbonell, quedou orfo de nai con apenas dous anos e foi perdendo en pouco tempo a todos os seus irmáns. Aos dez anos figuraba no fogar no que medrou, no actual Cantón Pequeno, como o único fillo ao coidado do seu pai, quen seguiría a darlle unha educación privilexiada con vistas a que atendese os negocios familiares.
A educación musical de Adalid comezou na propia familia, moi ben relacionada socialmente e mesmo con certas responsabilidades políticas. De acordo co seu status, ao pequeno comezóuselle a ensinar música co propósito de lle proporcionar unha educación de adorno que lle outorgase certa distinción e unha forma de socialización, nunca un modo de vida. Así comezou a tocar o piano, co que participaba nos seráns familiares. Andando o tempo, o mociño foi enviado a aprender idiomas e a enchouparse da cultura doutros países europeos de cara a convertelo nun empresario de sólida bagaxe que facilitase o éxito nas relacións mercantís. Londres foi un dos destinos destacados, durante un período de tempo que a día de hoxe non é posible concretar por mor da ausencia de documentación. Mentres algúns autores apuntan que estivo na capital británica entre 1840 e 1844, tres ou catro anos, outros consideran que chegou en 1844. O único seguro é que durante os primeiros meses dese último ano, con apenas 17 anos, si que permaneceu na capital británica, como acreditan algúns exemplares da súa biblioteca adquiridos nese período, entre eles dous asinados por Ignaz Moscheles (1794-1870).
En Londres Adalid recibiu formación do reputado compositor e pianista checo, seguramente como alumno privado, xa que non hai rastro documental do seu paso pola Royal Academy of Music, na que Moscheles era docente. Nesta mesma cidade, afirma algún autor, saíu do prelo a primeira composición musical publicada do coruñés, Vals Brillante Souvenir. Editada polo selo Wessel & Stapleton, dedicoulla a miss Louisa J. Huth, seguramente unha das fillas do banqueiro e empresario Frederick Huth, con quen a familia Adalid mantiña negocios.
Na biblioteca persoal queda tamén rastro do seu paso por Madrid, Marsella e París -cidade onde sen dúbida se nutriu da obra de Chopin, pero sen que a día de hoxe exista proba ningunha de que mantivese contacto directo co xenio polaco-. O periplo europeo xuvenil rematou cando o pai o reclamou na Coruña para dar un paso á fronte nos negocios familiares. Adalid acatou o imperativo paterno, mais con mágoa de ver interrompida a súa formación musical. Quen o tratou sinala que este brusco desenlace danaría a súa autopercepción como músico.
Mocidade na Coruña e proxección en Madrid
Malia as obrigas que impuña a vida de comerciante -que exercía xa en 1845 segundo os padróns municipais-, Marcial del Adalid, inaugurando apenas a vintena, mantivo no seu retorno á Coruña unha intensa actividade artística, tanto na intimidade dos salóns privados da aristocracia e burguesía local coma nas florecentes institucións instruto-recreativas, nos teatros e cafés. Naquel momento era socio e profesor de piano da Sociedade Artística e Literaria da Coruña, do Liceo Artístico e mais do Circo de Recreación, e tamén comezou a lerse o seu nome na prensa como obxecto de recoñecemento público do seu labor non só como docente, tamén como intérprete, compositor e director de orquestra nos eventos das devanditas sociedades, apunta Laura Touriñán, quen descubriu nesta última unha faceta do artista que non fora identificada ata o momento. As crónicas xornalísticas dan conta tamén de concertos nos que se interpretaban composicións escritas e dirixidas polo propio Adalid, como o celebrado o 28 de febreiro de 1847 na Sociedade Artística e Literaria, no que se interpretou “Plegaria a la Virgen”, con catro poemas de José Puente y Braña e harmonizacións de Marcial del Adalid; ou o do 12 de novembro do mesmo ano no Liceo Artístico, no que se escoitaron unha serie de valses para orquestra.
Adalid incrementaría, en paralelo, a partir da década dos anos cincuenta a súa notoriedade como músico en Madrid, onde estreitou relacións con artistas, editores e críticos. A cidade acubillaba un auténtico fervedoiro musical arredor do asociacionismo instruto-recreativo, e era naquel momento o referente estatal da produción e o consumo de música escénica e mais da edición musical. O prestixio crecente do artista reflectiuse na súa inclusión en coleccionables de partituras por entregas e para subscritores, suplementos e outras publicacións moi demandadas para o ensino e o uso doméstico. Moitas delas dedicóullelas a outros músicos nun círculo de amizades en constante expansión, entre as que se atopaban Emilio Arrieta, Martín Sánchez Allú, Francisco A. Barbieri, Mariano Vázquez e Juan María Guelbenzu.
Nesta mesma época constátase o nexo existente entre Adalid e a monarquía, a través de obras dedicadas ao rei consorte de Isabel II, á propia raíña e outros membros da familia real como o príncipe de Asturias, Afonso XII, para quen escribe o Himno marítimo (1858). O impresor real chegou a levar ao prelo algunha destas pezas, en concreto Los toques de la oración, da que se conserva un exemplar na Biblioteca General de Palacio.
A piques de facer os 29 anos, Adalid perde o pai e convértese en herdeiro universal do patrimonio familiar. Axiña nomea un administrador dos bens e negocios para xestionalos. En diante convértese en accionista fundador do Banco de Emisión da Coruña e merca terreos e casas en Santaia de Liáns, en Oleiros, onde xa conta co pazo de Lóngora. Mandado construír polo seu avó, converterase na residencia de verán do músico e da súa dona, Fanny Garrido, figura fundamental na súa vida persoal, e tamén creativa, con quen contrae matrimonio en 1860.
Fanny Garrido
Marcial del Adalid e Fanny Garrido (1842-1917) casaron cando el tiña 34 anos e ela só 18. O enlace tivo lugar na capela do actual palacio da capitanía xeneral da Coruña. Foron padriños o militar Atanasio Alesón e Dolores Bonilla y Valdivia en representación da monarquía. Nos primeiros anos do matrimonio, o mestre dedicoulle diversas obras á súa compañeira, con quen compartiría vida en diante entre Galicia e Madrid, facendo estadías intermitentes no estranxeiro, especialmente en París. Na terra natal adoitaban pasar o verán na Granxa de Lóngora (como lle chamaba Adalid ao pazo de Oleiros) e en Madrid os invernos. Aquí e acolá, o músico e a escritora rodeábanse de artistas e intelectuais e nos seráns, de acordo cos costumes da alta sociedade da época, Adalid interpretaba a súa música en concertos particulares.
Exemplo da activa vida cultural que mantiña en Galicia naquel momento é a súa participación nos primeiros xogos florais do país, os celebrados na Coruña en 1861, nos que tomou parte como “adxunto do consistorio” canda o seu curmán Marcial Torres Adalid, o seu familiar máis achegado e compositor e pianista coma el.
Canto a Madrid, nas décadas dos sesenta e setenta do s. XIX sobresae a actividade que desenvolveu en dúas institucións de gran relevo: a Sociedade de Cuartetos e a Sociedade de Concertos. Esta última, de carácter asociativo-cooperativista, foi primeira orquestra estable de España, eixe difusor do repertorio sinfónico europeo e determinante na xeración dun propio. Tanto nunha coma noutra interpretáronse publicamente obras de Marcial del Adalid e mesmo chegaron a estrearse algunhas delas.
Entre outras obras do músico galego, na Sociedade de Concertos (1866-1907) interpretouse con grande éxito unha Ave María para coro con acompañamento de órgano baixo a batuta de Barbieri. Foi o 24 de marzo de 1867 no Circo Príncipe Alfonso, como parte dun programa que incluía composicións de Beethoven, Haydn ou Méhul. A recepción foi tan boa que a peza foi axiña publicada.
Adalid tamén conseguiu facerse oír na Sociedade de Cuartetos (fundada en 1863 e en funcionamento durante unhas tres décadas), moi centrada no repertorio de autores estranxeiros, con escasas excepcións de nomes como os de Arriaga, Allú, Tomás Bretón ou o del mesmo. A Sonatina en sol para piano a cuatro manos, estreada o 16 de febreiro de 1868, foi a peza do autor máis interpretada por esta entidade. A afamada sonatina, que chegaría a incorporarse ás programacións dalgúns conservartorios polo seu carácter virtuosístico, soaría tamén no Teatro Principal de Santiago no ano 1872. Neste escenario foi executada por Antonio Valle e Hilario Courtier, xunto con outra obra de Adalid hoxe en paradoiro descoñecido, a 1ª Sinfonía para dos violines, interpretada por Courtier e Daniel Penela.
A Sonatina para piano a cuatro manos foi tamén parte dun fito internacional na carreira do artista, quen a finais da década dos setenta ve cumprido o soño de publicar un conxunto de dez obras nos selos Flaxland e Richault, dúas das editoriais musicais de maior prestixio do momento. A proxección internacional que lle reportaron estas publicacións coincide en parte no tempo coa súa estadía en París entre 1869 e 1870, cando, coma moitos outros artistas e profesionais, Adalid e Fanny Garrido deciden emigrar a Francia tras a chamada Revolución Gloriosa (1868). Esta experiencia permitiulle ao mestre abrir e profundar en novas relacións artísticas ben frutíferas. Algunhas delas seguen a ser a día de hoxe pouco claras, como é o caso da súa amizade con François-Auguste Gevaert (1828-1908). A escritora Emilia Pardo Bazán sostén que o mestre belga revisou a produción de Adalid, pero na actualidade non foi aínda posible corroborar que así fose e só pode afirmarse que o músico galego coñeceu o seu Tratado de Instrumentación (1863), do que se conserva un exemplar na súa biblioteca persoal.
Tempo de madurez
A madurez persoal e musical do autor deixou na súa última década de vida un regueiro de obras, abondosas en número e variadas en xéneros, con incursións en campos antes nunca explorados. A década dos anos setenta, que inicia a piques de facer os corenta e catro anos, vai ser rica, por exemplo, no repertorio camerístico, con obras como a Sonata para violín y piano Opus 17, a segunda que escribe para este tipo de agrupación; trae tamén dezaoito motetes que son mostra destacada das súas escasas propostas de repertorio relixioso; inclúe sobre todo música de salón e numerosas melodías para voz xeralmente solista con acompañamento de piano; e significa ademais a consagración de Adalid como pioneiro do Rexurdimento musical galego.
Seguindo o estilo da mélodie fraçaise, compón numerosas pezas para poemas en francés, de autores como Victor Hugo, Musset ou Lamartine, mais tamén en castelán e os cantares galegos de salón ou cancións líricas galegas, singulares polos seus poemas en galego e temática costumista. Adalid dedicará estes Cantares viejos y nuevos de Galicia (ca. 1871-77) á súa única filla, María del Adalid, que nace en 1874, cando o músico e Fanny Garrido xa levan catorce anos de matrimonio. Estas cancións (algunhas delas sobre poesías de Fanny Garrido) son só unha parte do conxunto de obras inspiradas na terra natal que o artista escribiu fundamentalmente neste treito final da súa vida, e que levan por primeira vez as tradicións, os costumes e a historia de Galicia aos salóns nos tempos dos nacionalismos culturais europeos e do Rexurdimento. Dita produción abrangue tamén Galicia. Marcha triunfal para piano só (1859-60), Mondariz (ca.1880-81), Danse Galicienne (ca. 1879-80), Pedro Madruga. Zarzuela en tres actos (ca. 1871-73), Ynes è Bianca. Drama lirico un quattro atti col un prologo (ca.1873-78) e Galicia. Marcha triunfal para Grande Orquestra (1881).
Estas obras pioneiras beben da sonoridade das melodías populares autóctonas, que adapta aos xéneros de salón, escénico ou sinfónico, segundo o caso; ou ben se trata de melodías de novas creación que se inspiran nas de orixe popular, como sucede nos cantares vellos de Cantares viejos y nuevos de Galicia. A lingua galega emprégase como elemento identitario por primeira vez na música académica na totalidade dos cantares e en Mondariz, mentres que emerxe en momentos puntuais da zarzuela Pedro Madruga, onde predomina o castelán, e mais na ópera Ynes è Bianca, escrita en italiano. A combinación de elementos que definen “o galego” supeditada ás características propias de cada xénero constitúe unha proposta innovadora de Marcial del Adalid que o sitúa como un dos precursores nun camiño que será secundado por autores posteriores como Pascual Veiga, Juan Montes ou Baldomir.
Os últimos anos: entre Lóngora e París
Adalid tratou de estrear sen éxito a ópera Ynes è Bianca en París, a onde se traslada coa súa dona e a súa filla en 1878. Esta nova estadía na capital francesa foi tremendamente produtiva. Probablemente escribe aquí as súas últimas obras orquestrais e tamén as tres derradeiras para piano, as de maior madureza. En 1880 regresa a Galicia e volve implicarse en actos sociais e culturais vencellados ao Rexurdimento, participando, entre outras actividades, no Certame Musical do Liceo Brigantino e nos xogos florais coruñeses como membro dos xurados. Adalid comeza ao mesmo tempo a ser homenaxeado. José Rodríguez Mourelo (segundo esposo de Fanny Garrido) dedícalle unha biografía en La Ilustración Gallega y Asturiana (1880), texto emblemático polo ton afectuoso e pola caricatura e a partitura de Bágoas e Sonos, cantar que chegaría a ser tremendamente popular nas primeiras décadas do s. XX.
Consciente da gravidade do tumor que se lle diagnostica, Adalid dedica os dous últimos anos de vida a revisar boa parte da súa produción e a rematar as súas derradeiras obras, entre elas Galicia. Marcha triunfal para Grande Orquestra. O mestre falece no pazo de Lóngora o 16 de outubro de 1881, aos 55 anos de idade. Dous días despois é enterrado no cemiterio xeral da Coruña.
A súa morte prematura causa un fondo pesar no mundo cultural e sucédense as homenaxes. O 1 de novembro de 1881 o Liceo Brigantino convoca na súa honra unha procesión civil na que participan máis de trescentas persoas que peregrinan ata o camposanto ao son dunha pregaria cantada polo orfeón. A prensa de época inmortaliza tamén as palabras de aprecio cara ao músico de intelectuais coetáneos, nas que se destaca a súa achega pioneira ao Rexurdimento musical galego. Postumamente, de acordo coas súas últimas vontades, algunhas das súas obras aínda inéditas son publicadas en París, Bélxica e A Coruña, cidade na que se edita a colección íntegra de Cantares viejos y nuevos de Galicia e Mondariz.
Hoxe o legado musical de Marcial del Adalid segue vivo a través da doazón que a súa querida filla María del Adalid realizou á Real Academia Galega. Un herdo dispoñible para o estudo da comunidade investigadora e a (re)interpretación da súa música nos novos escenarios do século XXI, agora tamén dispoñible en acceso aberto a través desta páxina web.