Publicacións da RAG
Vals brillante; Improvisación; Elegía; Andantino con variaciones (para piano)
Esta publicación permite dar a coñecer a vida e a obra pianística do compositor coruñés. A selección, adaptación e revisión das obras foi realizada polo musicólogo ourensán Antonio Iglesias Álvarez, quen realizou tamén unha análise das mesmas. Ademais, o volume inclúe un comentario biográfico feito por Rodrigo de Santiago, e unha nota introdutoria do presidente da Academia, Sebastián Martínez-Risco.
Mélodies pour chant et piano: cantares viejos y nuevos de Galicia
Na Real Academia Galega consérvase o legado da biblioteca musical do compositor Marcial del Adalid. A pesar de seren moi numerosas as obras orixinais do compositor que alí se conservan é posible que non se trate da obra completa deste autor, se ben a bagaxe máis importante e delicada se atopa alí. Referímonos aos autógrafos e manuscritos que corresponden aos seus inéditos. Adalid escribiu unha numerosa obra para piano pero tamén o capítulo de mélodie recibiu deste compositor atención preferente.
Marcial del Adalid e o seu legado na Real Academia Galega
Marcial del Adalid (A Coruña, 1826-Pazo de Lóngora, Oleiros, 1881) é unha das grandes figuras da música galega do século XIX. Formado en Londres e partícipe da actividade artística de París, admirador de Mendelssohn, Schubert e Chopin, relacionado coas elites da creación musical do seu tempo, podemos consideralo como un dos alicerces musicais do Rexurdimento. A prolífica produción compositiva de Marcial del Adalid, especialmente para piano, enmárcase dentro do Romanticismo centroeuropeo, actualizado coas tendencias imperantes da época. A súa obra, certamente ambiciosa, atinxe rexistros académicos e, ao mesmo tempo, procura raíces identitarias na tradición, o que lle confire unha forte personalidade, na procura dunha linguaxe propiamente galega. Con todo, malia a popularidade que acadou na súa época, en moitos aspectos segue sendo un gran descoñecido.
Hai case cen anos que a súa biblioteca, de innegable valor, constituída por centos de partituras dos máis destacados compositores españois e estranxeiros, xunto coa case totalidade do seu legado compositivo, foi doada á Real Academia Galega, converténdose esta institución na depositaria do maior fondo documental atesourado sobre o autor, referente de consulta obrigada para o seu estudo.