Ir ao contido da páxina
  1. Biografía

Obra

A obra de Marcial del Adalid acadou axiña recoñecemento na historia da música galega e española. A crítica contemporánea eloxia o bo gusto, a sensibilidade e o seu refinamento, especialmente no repertorio para piano, acorde co estilo román­tico centroeuropeo en auxe xa na época.

Dende Galicia destacouse a súa achega á música de aromas de inspiración autóctona e tradicional, que cobrou especial significación en tempos do Rexurdimento e que o situaron como pioneiro en varios xéneros da música académica. Seguindo o seu percorrido vital poden establecerse tres etapas compositivas con cadanseu compoñente estilístico, cunha evolución estilística progresiva, paulatina e lineal.

A primeira etapa é de estilo romántico, con influencia de Chopin. Pertencen a este grupo os primeiros valses orquestrais, obras para canto acompañado de carácter lírico e dramático, unha obra camerística belcantista e un numeroso conxunto de partituras para piano: baladas, nocturnos, fantasías, bagatelas, lamentos, valses, polcas etc.

A segunda etapa, que comeza cara á década de 1850, tende ao clasicismo ou a un romanticismo centroeuropeo de estilo mendelssohniano e/ou schubertiano. As súas obras son máis mesuradas na expresividade, sobrias, simétricas, de carácter menos improvisatorio e con formas estruturais menos libres e abertas. For­man parte deste grupo as coleccións de romanzas sen palabras para piano só e as obras para piano a catro mans, sonatas en tres ou catro movementos, melodías vocais acompañadas, ou a maior parte das obras camerísticas do autor, nas que tamén fai uso das formas sonata, minueto e trío, rondós etc.

A terceira etapa iníciase xa cara a 1870, e nela mantén estilisticamente a tendencia ao clásico centroeuropeo. Como obras deste período de plena madurez están o conxunto de melodías para voz xeralmente solista con acom­pañamento pianístico —maioritariamente ao xeito das mélodies françaises—, os dezaoito motetes para voces acompañadas, tamén de estrutura sinxela e pechada, as últi­mas sonatas para piano só e a catro mans, gran parte das súas obras camerísticas e a maior parte da súa produción orquestral. A estas hai que engadir aquelas que teñen “cor galaica” e “sentido socio-identitario”, que apelan ao imaxinario colectivo galego mediante o uso de melodías autóctonas ou elementos costumistas.

Os estudos musicais de Adalid comezaron na contorna familiar, mais co fin de acadar clase e distinción e como medio de socialización. Entre 1844 e 1849 recibiu formación musical de Ignaz Moscheles en Londres, e de volta na Coruña participou na actividade musical das sociedades instrutivas. Na década de 1850 iniciou un período en Madrid, referente no Estado para a produción e consumo de música escénica, tanto ópera coma zarzuela. A súa obra formará parte do repertorio publicado en coleccionables de partituras por entregas e por subscri­ción, suplementos musicais de revistas, publicacións de corte didáctico e especí­ficas por xéneros musicais.

As pezas de piano deste período teñen unha grande esixencia técnica, como o Impromptu (1852) e a Sonata Fantástica (1853), mais tamén un gusto refinado. Deste mesmo período son obras de repertorio vocal como o Salve Regina Mater (1854) e o conxunto de obras de canto acompañado. En 1860 casou con Fanny Garrido, e a través da súa obra manifestou publicamente o seu amor por ela dedicándolle varias pezas. A escritora e tradutora coruñesa foi autora dalgúns dos poemas de Cantares viejos y nuevos de Galicia e da melodía Mondariz, musicados por Marcial del Adalid e sinalados polo seu marcado fondo identitario.

Nas décadas de 1860 e 1870 proseguiu a súa etapa madrileña, ligada especialmente á Sociedad de Cuartetos e a Sociedad de Conciertos, centros onde se interpretaban decote e mesmo se estreaban obras súas. Destaca a afa­mada Sonatina en sol para piano a cuatro manos (ca. 1867-1868), escrita para os pianistas Juan María Guelbenzu e Mariano Vázquez e estreada por eles mesmos o 16 de febreiro de 1868. O éxito da obra de Adalid ocasionou a demanda de reinterpretacións nos anos seguintes e mesmo a súa edición. A obra chegou ao teatro Princi­pal de Santiago de Compostela, onde se interpretou en 1872 xunto coa 1ª Sinfonía para dos violines, hoxe en paradoiro descoñecido.

A finais da década de 1860 Adalid consolida o seu nome a nivel internacional como autor de repertorio para piano mediante a publicación dun conxunto de dez obras nas prestixiosas editoriais Flaxland e Richault. Reedita a súa Sonatina para piano a cuatro manos (ca. 1867-1868) en versión francesa, amplía o seu repertorio a catro mans con tres pezas novas e publica algunhas das súas composicións para piano só. En maio de 1869, en París, Adalid escríbelle a Juan M.ª Guelbenzu unha peza en sol maior para piano só; e en outubro, durante un período de vacacións en Bagnères-de-Bigorre, escribe a romanza sen palabras Bluette.

Na primavera de 1870 regresa a Lóngora. En setembro dese ano, no marco da Primeira República, convocouse un certame co obxecto de escoller unha nova marcha militar que se puidese interpretar como himno nacional nos actos oficiais, en substitución da tradicional Marcha de Granaderos asociada á monarquía. Adalid enviou unha peza en versión de redución para piano só, baixo o lema ¡Patria! Patria mía. Tiempo de Marcha. En 1871 reutilizaría esta marcha baixo o título Amor a la Patria como parte da súa obra Irurac Bat. Dios, Patria y Libertad. 3 Marchas para piano, que, en realidade, consta dun himno e de dúas marchas para piano só.

Na última década de vida Marcial del Adalid terá unha etapa de produción musical abondosa e hete­roxénea, mesmo experimentando novos xéneros, como o repertorio de cámara: a Sonata para violín y piano (ca. 1872), o inacabado Proyecto de un Gran Trío (ca. 1870-75) e dous cuartetos de corda de materiais melódicos relacionados. Pertencen a este período dezaoito motetes —todos eles con texto en latín, como é común neste tipo de obras—, mostra das escasas incursións de Adalid no repertorio relixioso.

A maior parte desta miscelánea de composicións da década dos setenta confórmaa a denominada “música de salón”. Por unha banda, Adalid creará un repertorio para piano só, con distinto grao de dificultade de execución e pen­sado para intérpretes e ambientes de salóns bur­gueses. Así, saen á luz Souvenir. Berceuse pour le piano; as tres mazurcas de salón Pechés de Jeunesse; peciñas breves como Conjuration ou Le cerisier défendu, Marche funèbre e Valse à la tudesque, entre outras; e tamén para este instrumento, pero de xénero de cámara, escribe a 2ª Sonatina para piano a catro mans, asinada en Lóngora no outono de 1872.

Alén disto, Adalid escribirá multitude de melodías para voz xeralmente solista con acompañamento pianístico, proseguindo a liña iniciada na década de 1850 de composición de obras sobre poemas. Ao xeito da mélodie française, primarán as cancións con texto en francés, mais tamén en castelán en alusión á canción lírica española, e os singulares cantares galegos de salón ou cancións líricas galegas, singulares polos seus textos en galego e temática costumista. En 1871 completa a súa primeira colección de trinta e seis melodías para canto e piano. Nos anos seguintes remata dous cadernos de trinta melodías cada un e, en febreiro de 1880, deixa “corrixido e revisado” un caderno de setenta e unha melodías.

A obra de Adalid atinxe un total de 352 partituras de canto e piano, que suman un total de 134 pezas diferentes, algunhas delas melodías únicas e outras reelaboradas. Adoitan ser pezas de estruturas simétricas ou proporcionais na forma; de sinxelo acompañamento no piano, pensadas para un segundo plano que lle deixa todo o protagonismo á voz; pezas de liñas vocais de rexistro medio e pouca amplitude; e harmónico de tratamento secuencial e modulacións simples. Albíscase no estilo certa influencia das melodías para canto acompañado de piano de Schubert e Mendelssohn. Pertencen a este xénero Mondariz e os Cantares viejos y nuevos de Galicia, estes últimos tamén “álbum de salón” presentado como colección de vinte e cinco melodías acompañadas que teñen textos en lingua galega.

Ao longo da súa vida, especialmente nos últimos anos, Mar­cial del Adalid creou obras musicais inspiradas na súa patria de nacemento. É autor de sete pezas pertencentes a distintos xéneros e de diferente envergadura, que buscan reflectir o son e o sentir do imaxinario colectivo do país: Galicia. Marcha triunfal para piano só (1859-1860), Cantares viejos y nuevos de Galicia (ca. 1871-1877), Mondariz (ca. 1880-1881), Danse Galicienne (ca. 1879-1880), Pedro Madruga. Zarzuela en tres actos (ca. 1871-1873), Ynes è Bianca. Drama lirico in quattro atti col un prologo (ca. 1873-1878) e Galicia. Marcha triunfal para Grande Orquesta (1881). Todas estas obras, mediante diversos recursos, fan alusión a Galicia na súa sonoridade e/ou no seu texto.

Musicalmente, o elemento identitario galego mós­trase a través das melodías populares autóctonas, das que o autor parte e as cales adapta ao xénero de salón, escénico e sinfónico segundo corres­ponda. En paralelo, a identidade galega despréndese tamén do elemento literario, ben sexa a propia lingua, ben sexa na temática costumista e/ou de historia patria, ou na transmisión de sentimentos propios da cultura galega, como a morriña e a saudade.

A primeira “obra académica galega” escrita por Adalid foi Galicia. Marcha triunfal (ca. 1859-1860), instrumentada para piano só, cun claro carácter marcial e solemne. Emprega dous aires populares galegos lixeiramente contrastantes que cita literalmente, un en cada unha das partes prin­cipais da peza, que o autor varía en tempo e ritmo para a súa adaptación á forma de marcha romántica.

Dentro do conxunto das composicións galegas, Cantares viejos y nuevos de Galicia pertence ao xénero da melodía vocal con acompañamento pianístico. A peza nace nun contexto artístico de inquietude e interese xenera­lizado dos compositores polo folclore musical autóctono e pola recompi­lación de melodías populares. Resultan singulares polo uso da lingua galega nos seus poemas —algúns deles escritos por Fanny Garrido—, pola temática cos­tumista e pola presenza de melodías populares autóctonas como base de creación ou fonte de inspiración para os temas musicais. Ao mesmo xénero dos cantares galegos pertence a melodía Mondariz.

Unha das súas obras máis célebres é Pedro Madruga. Zarzuela en tres actos, con libreto de Fernando Fulgosio Carasa, da cal se conservan só fragmentos escasos e inconexos. No contexto do Rexurdimento, Adalid seleccionou como protagonista da composición a Pedro Álvarez de Soutomaior, de gran relevancia na historia de Galicia. Trátase dunha zarzuela grande pseudohistórica, que sitúa o autor no marco das tendencias compositivas en auxe no panorama español na década dos setenta e no contexto da definición da ópera nacional identitaria.

Tras a morte de Fernando Fulgosio, Adalid traballou na transformación de Pedro Madruga na ópera Ynes è Bianca. Drama lirico in quattro atti col un prologo, que levou a cabo por consello de expertos do circuíto escénico da capital, dado que por entón no Tea­tro Real non se cantaba en castelán, senón en italiano. Igual ca a zarzuela, a ópera Ynes è Bianca está ambientada nas proximidades do castelo de Soutomaior, inspirada no contexto das revoltas irmandiñas e protagonizada por Pedro Madruga, personaxe, como xa se dixo, baseado na figura histórica de Pedro Álvarez de Soutomaior. Porén, a diferenza da zarzuela, que por tradición ten máis acenos cómicos, o argumento da ópera tórnase dramático.

A obra mantén similitudes coas grandes óperas do Romanticismo, con tópicos característicos que se reproducen na ópera de Ada­lid. A creación da zarzuela Pedro Madruga e da ópera Ynes è Bianca enmárcase no conxunto de obras do autor de sentido socioidentitario que nacen no contexto do Rexurdimento, mais tendo presente o debate artístico promovido principalmente dende Madrid sobre o concepto en construción de “ópera española”.

A última das creacións galegas de Adalid foi Galicia. Marcha triunfal para Grande Orquesta. De novo emprega o autor a cita directa do material melódico popular como recurso compositivo. Neste caso a obra fórmase a partir de dous temas galegos reutilizados: o primeiro deles procede da marcha homó­nima para piano só, pero co perfil melódico simplificado; o segundo tema é similar ao alalá popular que aparece tamén no cantar A la la do primeiro caderno de Can­tares viejos y nuevos de Galicia. Resulta significativo que a súa última obra galega sexa reelaboración da primeira.

Estas sete obras de espírito identitario —Galicia. Marcha triunfal para piano só, Cantares viejos y nuevos de Galicia, Mondariz, Danse Galicienne, Pedro Madruga, Ynes è Bianca e Galicia. Marcha triunfal para Grande Orquesta— son exemplo representativo de cultura que leva implícita a inquietude intelectual dos autores do Rexurdimento. Son alfaias do romanticismo musical en Galicia, que revelan a vida dun artista dedicado á procura do zume popular e do son da súa terra.

Marcial de Torres Adalid

De forma paralela ao traballo sobre a obra dramática, na súa etapa en París entre 1878 e 1879 Adalid escribiu as súas últimas creacións e emprendeu o labor de revisión e corrección de toda a súa obra. Neste período preparou tres marchas fúnebres, unha marcha militar, unha serenata e as súas tres últimas obras para piano de maior envergadura e madurez: as 3 Sonates pour Piano seul, que completan a evolución iniciada con Sonata fantástica (1853) e Sonata para piano (ca. 1865-1870).

En 1880 regresa a Galicia e implícase de novo en diversos actos socioculturais ven­cellados ao Rexurdimento, como o certame musical do Liceo Brigantino ou os xogos florais da Coruña, nos cales xa participara en 1861 canda ao seu curmán, Marcial de Torres Adalid, a quen lle dedicou a romanza sen palabras N.º 2 Le temps passé (ca. 1865-1870). Uns anos antes dedicáralle á esposa do seu curmán, a portuguesa Josefa Krus Pacheco, a polca Terpsícore (ca. 1844-1850).

Dedicou os seus últimos anos a revisar a súa produción, ao tempo que com­pleta as súas últimas obras: un caderno de setenta e unha melodías para canto e piano, unha colección de doce breves pezas de salón para piano só, Enfantillages. 12 Petits morceaux caractéristiques pour piano, e o canto Galicia. Marcha triunfal para Grande Orquesta.