Ir ao contido da páxina
  1. Biografía

Contexto histórico

Panorámica do Porto da Coruña. Vistas de la Coruña de Pedro Ferrer. Arquivo Real Academia Galega.

O século XIX foi un período convulso a nivel mundial, marcado por revolucións sociais, científicas, loitas de clases e de pobos que deron lugar a unha serie de profundos cambios políticos e económicos que afectaron o conxunto da sociedade. Galicia non foi allea a ese proceso.

A Revolución Francesa e as guerras napoleónicas a finais do século XVIII e principios do XIX sinalan o inicio deses cambios, que desencadearon un clima de axitación social e político, coa caída de monarquías e o xurdimento de ideais revolucionarios. Este estado de cousas influíu no espírito romántico, que valoraba a liberdade, a individualidade e a expresión emocional.

Galicia viuse afectada pola invasión napoleónica. As tropas francesas ocuparon o país entre 1808 e 1809, e a resposta dunha parte significativa do pobo galego foi a creación dun movemento de resistencia perante esta dominación. O conflito armado contra os franceses, e as posteriores mudanzas políticas asociadas a el, tiveron repercusión no plano cultural cun renacemento literario que viu a luz en plena guerra da Independencia (1808 – 1814) a través da literatura de combate redactada en galego. Proezas de Galicia de Fernández Neira, Rogos dun gallego de Pardo de Andrade ou Diálogos de Boado Sánchez son algúns exemplos.

No século XIX produciuse a industrialización e a urbanización acelerada de Europa. O crecemento das cidades, a expansión das fábricas e a transformación da sociedade agraria tradicional xeraron unha sensación de alienación e desconexión coa natureza e o pasado. Este desacougo trasládase á arte mediante un intento de rescate dos valores e a esencia do auténtico e o primitivo, en contraposición á fría racionalidade e uniformidade da vida moderna, dando inicio ao Romanticismo.

Galicia experimentou ao longo desa centuria un crecemento económico e unha transformación na súa estrutura produtiva. Fomentouse a modernización da agricultura —particularmente na produción de viño e produtos lácteos— e impulsáronse iniciativas para o desenvolvemento da industria, como a minería do carbón e a construción naval.

Este período de expansión económica e adiantos técnicos fixo necesaria a busca de novos territorios onde atopar recursos, materias primas e mercados. Ao longo do XIX os dominios das metrópoles europeas expandíronse cara ao interior do Brasil, Venezuela, os Estados Unidos, a India ou Siberia. O colonialismo e a exploración de novos territorios espertaron un interese pola diversidade cultural e a natureza exótica, estimulando a imaxinación e a fantasía romántica.

O contexto económico, social e político da Coruña da primeira metade do XIX estaba marcado pola importante relación comercial que mantiña o porto coruñés coas Indias Occidentais desde a segunda metade do século anterior. Na década de 1780 medrou de xeito extraordinario o comercio con América, orixinando na cidade unha primeira xeración de comerciantes.

Unha segunda xeración aparece na última década do século XVIII e a primeira do século XIX. Crearon a estrutura de negocios da que carecía Galicia ata ese momento: produciuse un auxe das sociedades mercantís e desenvolvéronse o crédito marítimo e as compañías de seguros. Porén, xa se observaban os primeiros síntomas da quebra colonial, e a guerra contra o Reino Unido dificultou en Galicia os procesos de compra-venda con América. Os comerciantes procuraron solucións alternativas, nun primeiro momento no corso e máis tarde na trata de escravos, mais foron solucións momentáneas de curta duración.

Foi na fase de expansión económica cando chegaron os Adalid á cidade procedentes da Rioxa. O primeiro Adalid residente en Galicia, Marcial Francisco del Adalid de Rozas y Ramírez de Arellano, casou o 26 de novembro de 1791 na parroquia coruñesa de San Xurxo, o que permite sospeitar que levaría xa algúns anos na cidade. En pouco tempo el e mais os seus descendentes medraron economicamente, converténdose nos propietarios dunha importante firma mercantil (comerciaban con tabaco procedente dos Estados Unidos, con liño do Báltico e con produtos coloniais que enviaban a Francia e o Reino Unido) e fundando unha das primeiras fábricas de vidro do país. Foi este Marcial un espelido home de negocios, a quen a recente investigación histórica presenta como pouco escrupuloso pola súa participación na trata de escravos durante o primeiro cuarto do século XIX. Compartía este estigma con outros afamados persoeiros coruñeses da época, pois aínda que a escravitude era legal —sería formalmente abolida en 1837 salvo en Cuba e Porto Rico— xa era unha práctica reprobada na conciencia social do momento.

Podemos considerar a Marcial Francisco del Adalid de Rozas como o máis novo da primeira xeración de comerciantes coruñeses, ou o máis vello da segunda xeración, xa que iniciou os seus negocios no momento en que se estaba iniciando o relevo xeracional nas liñaxes de comerciantes e continuou desenvolvéndoos ata 1822, ano do seu pasamento.

 No complexo contexto das primeiras dúas décadas do século XIX, marcado pola guerra contra os franceses e máis tarde pola loita por determinar a forma de goberno de España, a única posibilidade que atopou a burguesía coruñesa para manter o seu status —nun proceso de concienciación que non xorde de maneira espontánea senón que é palpable desde finais do XVIII— foi a participación política, apostando pola concepción liberal do Estado fronte ao absolutismo. Aparece entón en escena unha terceira xeración de comerciantes coruñeses cativados polas posibilidades ofrecidas pola lexislación da Constitución de 1812, mais este novo escenario apenas durou dous anos: tras a restitución de Fernando VII en 1814 anuláronse as Cortes e a propia Constitución, o que deu inicio a unha violenta represión política contra os constitucionalistas. Lonxe de amedrentarse, estes radicalizáronse e xustificaron a loita armada contra o absolutismo como un acto patriótico que buscaba devolverlle a soberanía á nación, defender a separación de poderes e instaurar unha monarquía constitucional. Isto traduciuse nun apoio financeiro, pero tamén intelectual, por parte da burguesía coruñesa aos pronunciamentos liberais, desde o de Porlier en 1815 ata a proclamación da Constitución na Coruña en 1820. A esta terceira xeración de comerciantes pertenceron Francisco del Adalid y Loredo, pai de Marcial del Adalid, e o seu tío e padriño, Juan Antonio del Adalid y Loredo.

A familia de Marcial del Adalid era burguesa e liberal tanto pola liña paterna coma pola materna. Como xa dixemos, o seu avó paterno, Marcial Francisco de Adalid, foi un liberal exaltado, membro do club masónico La Esperanza —o que lle suporía estar baixo a atenta vixilancia da Inquisición— e rexedor no concello coruñés desde o inicio do Trienio Liberal en 1820 ata a súa morte. O outro avó de Marcial del Adalid, Francisco Gurrea, tamén foi investigado pola Inquisición, que mesmo o chegou a acusar de demócrata e republicano. A persecución absolutista que sufriu a familia de Marcial del Adalid nos períodos de 1814-1820 e 1824-1833 provocou que varios dos seus membros tivesen no estranxeiro un segundo fogar, non só porque fose a base para os seus negocios, senón tamén porque era un refuxio no exilio nos momentos de maior presión absolutista.

Tanto o avó coma o pai de Marcial de Adalid blindaron e potenciaron os seus negocios servíndose de diferentes estratexias políticas, sociais, ideolóxicas e culturais. Buscaron ocupar postos de poder relevantes na cidade, por exemplo no consistorio ou como representantes de cidades europeas e americanas no Real Consulado de Comercio da Coruña. Así mesmo practicaron unha política de clans familiares —entendida esta como a unión matrimonial entre persoas do mesmo grupo social—, cuxos antepasados comúns procedían da comarca rioxana de Cameros. Os Adalid demostraron unha firme adscrición ao liberalismo, pero foron os seus valores culturais os que ocuparon un posto imprescindible nesta escala de estratexias, porque non só lles serviron para mellorar os seus negocios senón que tamén lles axudaron a optimizar o seu status social, o seu prestixio e o seu poder.

 A cidade onde naceu e se criou Marcial del Adalid foi xunto con Cádiz o principal centro liberal do Reino das Españas. Desde 1808 a 1830 aparecen na Coruña arredor de 20 imprentas e xorden 33 xornais de múltiples ideas e tendencias. O polígrafo vasco Valentín de Foronda, un dos máis ilustres liberais do momento, traduciu nesta cidade a obra do francés Rousseau e publicáronse de forma fragmentaria textos de Locke e Malebranche. Nas librerías coruñesas véndense en 1835 as obras de Victor Hugo, Adolphe Thiers, Mesonero Romanos...

Gravado da fachada do Teatro Principal, hoxe Teatro Rosalía de Castro. Vistas de la Coruña de Pedro Ferrer. Arquivo Real Academia Galega.

Pero sobre todo, A Coruña era a cidade da música e das artes escénicas. En 1813 Valentín de Foronda acondicionara a obra teatral de Martínez de la Rosa Lo que vale un empleo, que se representa con grande éxito, e nos anos seguintes anúncianse ininterrompidamente nos xornais pezas como El imperio de la verdad, La escuela de los maridos, Lanuza ou Flaquezas ministeriales. En 1837 os xornais publicitan a estrea da ópera Otelo e dous anos despois preséntanse no teatro da cidade El Pirata, Belisario e Elisir d'amore. L'esule di Roma. Institucións como o Liceo Artístico (1846) ou o Circo de Artesanos (1847), de tan intensa vida artística e cultural, manifestan o consumo selecto que facían as clases altas da cidade.

Desde un punto de vista máis histórico ca puramente cronolóxico, en Galicia pódese situar o inicio do segundo cuarto do século XIX en 1823 coa volta do absolutismo de Fernando VII tras a intervención dos Cen Mil Fillos de San Luís. O final desta etapa pode datarse no fracasado Levantamento de 1846, co que liberais e provincialistas pretenderon poñerlles freo ás reformas de carácter autoritario de Ramón María Narváez, que trataban de contrarrestar as concesións ao liberalismo máis progresista mediante o Estatuto Real de 1834, a Constitución de 1837 durante a rexencia de María Cristina de Borbón, e finalmente a Constitución de 1845 xa no reinado de Isabel II. Entre 1833 e 1840 tamén se desenvolveu a primeira guerra carlista, entre os partidarios de Carlos María Isidro de Borbón —coñecidos como carlistas e partidarios dun réxime absolutista— e os de Isabel II, partidarios dun réxime liberal. Por último, ao longo da década de 1830 caeron os derradeiros bastións do que quedaba do Imperio Español na América continental. En 1836 as Cortes de España autorizan o Goberno a renunciar a todo dereito territorial ou de soberanía e recoñecer a independencia das antigas colonias en sucesivos tratados de paz e amizade.

Este contexto convulso foi moi pouco propicio para os comerciantes coruñeses. Refacer o comercio con América foi imposible, e a inviabilidade para reconverter o seu negocio baseándose no desenvolvemento do mercado interno español levou o grupo mercantil galego en xeral e o coruñés en particular a investir os beneficios coloniais na compra de rendas agrícolas (foros) e terras desamortizadas. Lévase a cabo deste xeito unha integración da burguesía comercial na clase dominante galega, a fidalguía. A transición de comerciantes a grandes propietarios agrarios afectou no plano político, moderando en gran medida o seu afecto cara ao liberalismo.

Produciuse a apropiación mutua de valores entre nobreza e burguesía que deu lugar á cimentación da elite do poder do sistema liberal durante a segunda metade do século XIX. A perda de peso do comercio en favor das rendas da terra axudou a esta hibridación entre novos comerciantes e vellos aristócratas. Consecuentemente, xa desde antigo os Adalid solicitaron títulos nobiliarios, investiron gran parte da fortuna familiar nunha exquisita formación cultural e imitaron os espazos de sociabilidade da nobreza. A instrución educativa dos Adalid foi moi completa, sobre todo nas segundas e terceiras xeracións, sobresaíndo por encima da media das familias principais da Coruña. Os idiomas estranxeiros penetran na casa onde naceu o músico, o mesmo que os libros e os xornais. O mar non foi para Marcial del Adalid unha fronteira, senón un camiño que o leva cara a outras terras e ideas.

A partir de 1820 xorden en Galicia os primeiros gromos dunha conciencia «provincialista» máis ou menos difusa, máis ou menos autonomista. Este movemento ideolóxico axitou Galicia na década de 1840 en forte reacción contra as leis centralizadoras, se ben influíron tamén de maneira considerable causas económicas e fiscais. Son varios os motivos que, actuando sucesivamente no tempo, incidiron na formación deste movemento logo da invasión napoleónica.

Dunha banda cabe salientar a influencia ideolóxica que o incipiente espírito provincialista galego recibiu do carlismo en canto á defensa de autonomías e reivindicacións forais, así como ao que este supuxo no espertar do sentimento rexional. Ademais o xornalismo, que deu os seus primeiros pasos durante a guerra da Independencia, foi outro dos impulsores do provincialismo. Os artigos periodísticos da época, xunto coa efervescencia do conflito entre absolutismo e liberalismo, manifestan unha fonda preocupación polas “cousas” do país, comezando por destacar as peculiaridades culturais e históricas do pobo galego.

Doutra banda, cómpre destacar o impacto do Romanticismo, movemento artístico, cultural e literario estreitamente ligado ao desenvolvemento do nacionalismo en Europa. A medida que os Estados-nación comezaron a consolidarse xurdiron movementos culturais e literarios que buscaban exaltar as tradicións, a historia e a identidade de cada nación. A literatura romántica a miúdo inspirábase en temas folclóricos, mitolóxicos e patrióticos, e celebraba a singularidade de cada cultura e a súa conexión coa terra. O Romanticismo rexeitou os canons clásicos e neoclásicos predominantes na arte e a literatura; buscábase a expresión persoal, a orixinalidade e a subxectividade, en contraposición ás regras estritas e a imitación dos modelos antigos.

Os intelectuais e escritores deste período foron os Precursores, denominación creada por Manuel Murguía en 1886 coa publicación do libro Los Precursores,  primeiro volume da editorial Biblioteca Gallega, dirixida por Andrés Martínez Salazar e Juan Fernández Latorre. Antolín Faraldo, Romero Ortiz, Neira de Mosquera, Ramón da Sagra e Martínez Padín, entre outros, editan periódicos e revistas como El Porvenir, El Recreo Compostelano ou El Idólatra de Galicia, divulgando o interese pola historia e as antigüidades de Galicia, facendo proselitismo da ideoloxía liberal, mostrando a súa preocupación polo atraso socioeconómico do país e defendendo os principios do romanticismo literario.

En 1846, cando se produciu o estoupido revolucionario galego máis importante do século, pretendeuse anular «todo acto do goberno de Madrid». A revolución rematou traxicamente o 26 de abril de 1846 co fusilamento dos Mártires de Carral. Con todo, a derrota non eliminou as motivacións que produciron a revolta, polo que as pretensións de autonomía quedaron adurmiñadas mais non esquecidas. Unha década despois, o 6 de marzo de 1856, celebrouse o Banquete de Conxo. Coa publicación en 1863 de Cantares gallegos iníciase un florecemento cultural en Galicia coñecido como o Rexurdimento. Foi un movemento literario e intelectual que buscaba revitalizar a lingua e a cultura galegas, así como promover un sentimento de identidade rexional. Destacados escritores e poetas galegos, como Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal ou Manuel Murguía, tiveron un papel fundamental.

Pola súa traxectoria vital e a súa produción musical sabemos que Marcial del Adalid foi coñecedor da vangarda do pensamento europeo da súa época, tanto na Coruña coma logo nas súas periódicas estadías en París, Londres e Madrid, mais cómpre sinalar que xamais fixo manifestacións públicas sobre a súa ideoloxía ou posturas políticas. Tampouco o fixo sobre cuestións culturais e musicais, salvo nunha única ocasión coa publicación dun artigo na revista La Cruzada titulado “Cuatro palabras sobre música”, onde deixou moi claro que foi un fervoroso católico que receaba do espírito revolucionario de novas correntes de pensamento e da nova música de finais de século chegadas desde Alemaña.

As viaxes fóra de Galicia redúcense no derradeiro tramo da súa vida, e o reencontro coa súa terra coincide no tempo coas primeiras publicacións e actos públicos do Rexurdimento. Neste período observamos que a súa música adquire trazos netamente nacionalistas, compoñendo obras que fan uso de melodías tradicionais galegas: unha zarzuela e unha ópera baseadas nun episodio da historia de Galicia cun persoeiro tan significativo para o rexionalismo como Pedro Madruga. Xa que logo, Marcial del Adalid y Gurrea representa na historia da música galega o rexurdimento musical en paralelo ao literario de Rosalía, Curros e Pondal.